AS DEPORTISTAS
Alessandra Aguilar (Lugo, 1972)
Deporte: Atletismo
Biografía: A ex-atleta lucense foi unha das referencias das carreiras de fondo e campo a través do atletismo español na primeira década do século XXI. Parte da culpa da paixón de Alessandra polo atletismo é do seu pai, amante deste deporte. Da man do profesor Mariano Castiñeira comezou a destacar en campionatos nacionais, fito que a levou a representar a España en probas internacionais, primeiro en categoría xuvenil e, máis tarde, na absoluta.
Ás súas boas prestacións nas probas de cross, Aguilar engadiu notables actuacións nas carreiras en ruta, o que lle valeu para representar a España en tres Olimpiadas: Pekín 2008, Londres 2012 e Río 2016.
Centro no que participa: IES do Camiño (Palas de Rei)
Lara Balseiro (Viveiro, Lugo, 1993)
Deporte: Fútbol Sala
Biografía: Xogadora profesional do Pescados Rubén Burela Futsal, entidade galardoada como mellor equipo do mundo da súa especialidade no ano 2020. No seu palmarés inclúense 3 Campionatos Nacionais de Primeira División Feminina (2012/2013, 2015/2016, 2019/2020) e 2 Supercopas Femininas (2015, 2019), entre outras.
As xogadoras do club mariñán, pioneiro en conciliación e dereitos, son as únicas do deporte feminino español que gozan dun convenio laboral. A súa experiencia, aparte de exemplar, é unha boa oportunidade para visibilizar os avances neste eido.
Centro no que participa: CPI Uxío Novoneyra (Pedrafita do Cebreiro)
Nuria Bouza (Lugo, 1989)
Deporte: Voley Playa
Biografía: O volei corre polas veas de Nuria Bouza, pertencente a unha familia moi ligada a este deporte na cidade de Lugo. Despois dunha primeira etapa nas pistas, Nuria atopou na área do Volei Praia o lugar ideal para potenciar as súas condicións.
A xogadora lucense participa nas probas máis prestixiosas do circuíto internacional, forma parte da Selección Española, coa que foi campioa do mundo sub-21, e tamén acadou grandes resultados en competicións nacionais como o subcampionato na Copa da Raíña.
Centro no que participa: IES Plurilingüe San Rosendo (Mondoñedo)
Tania Fernández (Lugo 1992)
Deporte: Piragüismo
Biografía: A palista lucense é unha das grandes referencias do seu deporte nas longas distancias a nivel nacional e internacional. Vén de proclamarse subcampioa mundial na modalidade de maratón K2, na cidade de Shaoxing (China) en setembro de 2019. Nesa mesma proba foi medalla de bronce no Campionato do Mundo 2018 e medalla de prata no Campionato de Europa 2019. Actualmente é un dos nomes propios do piragüismo español.
Centro no que participa: IES Lucus Augusti (Lugo)
Sara Álvarez (Lugo 1990)
Deporte: Judo
Biografía: Dobre campioa de España (2018, 2019), a judoka lucense participará nos seus primeiros Xogos Olímpicos o vindeiro verán (Tokio 2021). Campioa de Europa sub 23, a progresión de Sara permitiulle ir avanzando no ranking mundial ano tras ano ata acadar a clasificación olímpica na última tempada.
Centro no que participa: IES Basanta Silva (Vilalba)
Saleta Fernández (Monforte de Lemos 1997)
Deporte: Atletismo
Biografía: A saltadora monfortina é unha das deportistas galegas con maior proxección internacional. Despois dos seus inicios na súa vila natal e de pasar polo Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, a atleta uniuse ao grupo de adestramentos de Ramón Torralbo xunto á campioa olímpica en salto de altura Ruth Beitia. Fernández foi campioa de España sub 23 en 2018 e no ano 2019 subiu ao caixón máis alto do podio na categoría absoluta.
Centro no que participa: IES Francisco Daviña Rey (Monforte)
Adiaratou Iglesias (Mali 1999)
Deporte: Atletismo
Biografía: Atleta paralímpica nada en Mali que chegou a España logo dunha difícil situación familiar e que, malia contar cun só 10% de visión, se converteu nun exemplo dos valores do deporte na vida. Nestes momentos estase a preparar na cidade de Lugo para os Xogos Olímpicos, nos que aspira a subir ao podio.
Centro no que participa: CPI Castroverde (Castroverde)
María Hilda Rodríguez (Portomarín 1955)
Deporte: Boccia
Biografía: María Hilda Rodríguez foi a primeira deportista galega en lograr unha medalla nuns Xogos Paralímpicos (Atlanta 1996). A xogadora de Boccia de Portomarín acadou 51 Ouros, 14 Pratas, 10 Bronces, 11 Récords Nacionais, 1 Ibérico, e 19 medallas nas súas 13 participacións en competicións internacionais. No ano 2013 a Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao.
Centro no que participa: IES Val do Asma (Chantada)