En todo camiño o máis complicado é, con frecuencia, dar o paso inicial. Mais no caso de “O Camiño que nos Une” ese precepto non se cumpre porque as persoas que estamos detrás desta iniciativa estamos desexando que o programa comece a cobrar forma.
Estas ganas por desenvolver xa a primeira etapa é algo que quedou máis que patente na presentación do proxecto do pasado mércores. Na posta de largo da idea impulsada pola Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo participaron tamén diversos representantes da Xunta de Galicia, entidade que cofinancia “O Camiño que nos Une” ao abeiro de O Teu Xacobeo, coma o delegado territorial da administración autonómica en Lugo, Javier Arias; a Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella; e a Directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro.
O acto comezou coa intervención do delegado da Xunta, que salientou o carácter pedagóxico e de concienciación social de “O Camiño que nos Une”. No seu discurso, destacou que iniciativas desta índole permiten darlle visibilidade e reivindicar o importante papel da muller en todos os ámbitos e durante os 365 días do ano.
A continuación foi a quenda de Ángel Trabada, presidente da asociación promotora, quen falou sobre as deportistas que participarán do proxecto. Agradeceulles a súa asistencia e implicación e incidiu sobre a importancia dunha iniciativa coma esta nas nosas mozos e mozas.
A deportista Adiaratou Iglesias, unha das oito participantes do proxecto, remarcou a situación privilexiada en termos de non discriminación que como deportista de elite vive, pero que moitas mulleres desgraciadamente non poden experimentar no seu día a día.
Pola súa banda, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, subliñou a relevancia dun proxecto que presenta o Camiño de Santiago como elemento vertebrador e integrador canda ao traballo fundamental en materia de igualdade no ámbito educativo, ao que se suman mulleres referentes deportistas.
Pechou as intervencións a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen puxo en valor esta idea como un expoñente máis dun Xacobeo participativo, descentralizado e cunha programación completa e que abrangue todo o territorio galego.
E das palabras aos feitos: a vindeira semana “O Camiño que nos Une” comeza a súa viaxe na porta de entrada do Camiño Francés na nosa provincia, en Pedrafita do Cebreiro, no CPI Uxío Novoneyra. Alí as mozas e mozos terán un encontro virtual con Lara Balseiro, deportista luguesa de recoñecido prestixio. A integrante do Pescados Rubén de fútbol sala compartirá co alumnado os valores que se desprenden desta iniciativa.
Ao igual que o Camiño de Santiago se fai etapa a etapa, tamén “O Camiño que nos Une” acadará as súas metas grazas á implicación dos centros educativos e das deportistas participantes. Temos a mochila lista! E ti?