Cando es adolescente as emocións están a flor de pel. É nesta época cando os e as mozas comezan a crear a súa personalidade, empezan a darse conta do que lles rodea e a colocar as súas ideas ante os distintos factores sociais que lles afectan. Por esta razón, é moi importante educar en termos de igualdade e de respecto cara a todas as persoas.

Estas dúas premisas, sumadas ao deporte e ao Camiño, son as que se encontran detrás de “O Camiño que nos une”, unha iniciativa promovida pola Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo coa colaboración da Xunta de Galicia.

Antes de falar das actividades que se levarán a cabo neste proxecto, é importante deixar claros os nosos obxectivos. Buscamos que mozos da ESO e bacharelato de centros da provincia de Lugo formen parte do Camiño e da súa gran riqueza cultural, que aprendan o que é o esforzo, a cooperación e a hospitalidade, e que coñezan un pouco máis a contorna que lles rodea.

E, para conseguilo, levaremos a cabo dúas actividades que teñen moito que ver co deporte, o Camiño, a igualdade e a mocidade.

Nun primeiro momento, os alumnos farán, da man dun representante da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo, unha reflexión sobre a importancia do Camiño para a súa contorna máis próxima. Na segunda parte, oito mulleres deportistas serán as encargadas de trasladar os valores de igualdade, deporte e Camiño. Farano grazas ás súas experiencias vitais, tanto no ámbito deportivo como da súa vida diaria.

E non podemos ter mellores representantes: todas levan ADN lucense, forman parte de distintas xeracións e practican deportes como atletismo, fútbol, vóley praia, piragüismo,  judo ou  boccia… Todos os seus puntos de vista serán bos para concienciar sobre os valores de constancia, sacrificio e esforzo que caracterizan ao deporte, ás mulleres e ao Camiño de Santiago.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *