Aínda que son moitos os terreos nos que as mulleres o tiveron complicado ao longo da súa vida, nós queremos que o Camiño non sexa un deles. Por iso hoxe, Día Internacional da Muller, queremos poñer en valor o seu papel na actividade física.

En primeiro lugar, hai que destacar que, sexas quen sexas, os beneficios do deporte son os mesmos, e van dende o físico ata o psicolóxico: reduce o risco de padecer depresión, mellora a forma física, a presión arterial, o benestar contigo mesma, rebaixa a tensión e o estrés, reduce a fatiga, aumenta a resistencia…

A pesar disto, a figura da muller no deporte sempre foi complicada, ou se non que llo digan a  Kathrine  Switzer, que, pese ser a primeira en participar nunha carreira con dorsal en 1967, tivo que lidar con que o codirector da maratón tentase expulsala da carreira.

Nestas condicións, non se nos ocorre mellor forma de exercitar o corpo e coñecer de primeira man os beneficios do deporte que co Camiño de Santiago. Grazas a calquera das rutas xacobeas que pasan pola provincia de Lugo pódeste converter na mellor deportista e, ademais,  curtirte grazas ao gran valor do patrimonio cultural e paisaxístico que descubrirás ao longo de toda a traxectoria.

O recoñecemento das mulleres no mundo do deporte búscano as 8 deportistas que protagonizan ‘O  Camiño que nos Une’ e que, estamos seguros, tiveron que facer fronte a algún comportamento ou comentario inadecuado pola súa condición de deportista de elite muller. Elas son quen van transmitir aos mozos dos oito centros nos que traballaremos que o deporte non entende de xénero, senón que se rexe pola constancia, dedicación, sacrificio e, por suposto, recompensa.

A pesar de que aínda quedan moitas montañas que escalar para conseguir que a figura da muller estea nunha posición de igualdade, xa houbo persoas que sentiron a necesidade de dar o primeiro paso. Con “O  Camiño que nos Une” contribuímos a cambiar o rumbo.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *