Seguro que xa sabes que Lugo é, dende hai moitos anos, unha das provincias galegas que máis relación ten co Camiño. Os motivos son varios, comezando porque un bo número das rutas xacobeas oficiais, en concreto catro, transitan pola provincia luguesa. Logo, dende o punto de vista xeográfico, é de paso obrigado, tanto daquelas persoas peregrinas que veñan polo norte peninsular e entren por Ribadeo ou Pedrafita (Camiño Norte e Francés) como daquelas que decidan facelo dende o este e sur peninsular (transitando polo Camiño Sur ou de inverno) e percorrendo localidades como Monforte de Lemos ou Sarria.
Tanto Lugo provincia como a cidade amurallada teñen dende tempos antigos unha cultura moi ligada ao Camiño. De feito, a capital da provincia foi declarada km0 e é un dos puntos de partida que están a experimentar maior incremento nos últimos anos; do 2010 ao 2019 dobrouse o número de persoas que escolleron a cidade romana como o lugar idóneo para comezar a súa viaxe, xa que iso permítelles acadar o seu obxectivo. E é que a meta final de moitas das persoas que se lanzan ao Camiño non é outra que obter a “Compostela”. E que é pois a “Compostela”? Como se obtén?
Pois ben, denomínase con este nome ao documento que acredita que se completou o Camiño. A tradición di que dende os séculos IX e X comezaron a empregarse selos, credenciais ou a característica cuncha de vieira para facer ver a condición de persoa peregrina. Co paso do tempo e co gallo de evitar falsificacións emitiuse un documento, a actual “Compostela”, que verificaba a identidade da persoa que completara o Camiño.
E como facerse con ela é ben doado, non tes máis que achegarte á Oficina do Peregrino en Santiago de Compostela cando finalices a túa viaxe. Pero se tes dúbidas sobre dende onde saír para poder obtela e es de Lugo, estás de sorte! A provincia conta con moitas localidades que son unha opción segura para poder conseguir a ansiada “Compostela”. O primeiro paso telo ás portas da casa. A que agardas para dalo?