Agora que xa superamos a barreira da primeira semana de verán, e que as condicións sociosanitarias nolo permiten, moitas persoas comezan a pensar xa nas tan ansiadas vacacións. Faremos algunha viaxe?

Nós comezamos o noso particular traxecto o 10 de marzo: poderíase dicir que fixemos o check-in en Lugo, convidando á presentación do proxecto a persoas coma o delegado territorial da administración autonómica en Lugo, Javier Arias; a Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella; a Directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; a deportista Adi Iglesias; e a Ángel Trabada, presidente da Asociación de Amigos do Camiño da Provincia de Lugo.

A partir dese momento, comezamos unha viaxe na que tocamos algo máis que as nubes: 8 centros educativos situados en diferentes puntos da provincia de Lugo gozaron da presenza de 8 mulleres deportistas de primeira liña.

Todas elas meteron nunha maleta a súa traxectoria persoal e profesional e compartírona co alumnado. Nestas equipaxes non faltaron valores coma o esforzo e sacrificio que hai que demostrar a diario, pero tampouco o sentimento de satisfacción que todas elas senten cando acadan os seus obxectivos.

E non, non é unha casualidade que todas estas características intrínsecas de cada unha delas estean moi relacionadas co Camiño de Santiago, pois neste avión quixemos fusionar o deporte, a mocidade e a igualdade cun único destino, as rutas xacobeas da provincia de Lugo.

Desta forma, ás distintas dinámicas fóronse sumando deportistas de éxito en todos os ámbitos que fixeron un exercicio de empoderamento nun eido no que tradicionalmente estiveron relegadas, o deporte. Grazas aos seus testemuños, o alumnado dos IES e CPIs puido comprobar que moitas das actitudes que criamos “desterradas” seguen a estar moi presentes.

Hoxe aterramos de novo na provincia de Lugo: desta volta, con todo listo para emprender o Camiño Francés, o Camiño Primitivo, o Camiño do Norte ou o Camiño de Inverno co claro obxectivo de chegar á catedral. Pero non podemos rematar sen antes agradecer a aprendizaxe ao longo deste proxecto promovido pola Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo ao abeiro do programa “O Teu Xacobeo” e que conta co financiamento da Xunta de Galicia.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *