Ao igual que a persoa peregrina que leva varias xornadas de viaxe fai unha pequena parada para coller folgos e así encarar mellor o que queda, nós facemos un alto á metade do “Camiño que nos Une” para botarmos unha ollada atrás!
Chegou a hora dun primeiro balance do proxecto, así que repasemos os mellores momentos e propoñamos iniciativas que axuden a acadar o obxectivo de conseguir que o Camiño de Santiago sexa unha experiencia única a todos os niveis.
Na nosa viaxe percorremos moito do mellor da nosa provincia, mais aínda queda camiño por realizar e recunchos por descubrir. Ata o de agora deixamos as nosas pegadas na neve que caía aló polo alto do Cebreiro, no que foi o primeiro dos traxectos xacobeos que obtivo o recoñecemento da UNESCO, o Camiño Francés. Logo baixamos á cidade amurallada, á que nos levou o GPS despois de facer escala na vila de Castroverde e, posteriormente, sumámonos ao Camiño Norte na vila de Mondoñedo. Xa como remate, exploramos a Ribeira Sacra lucense para achegármonos a Monforte de Lemos e deste xeito adentrámonos no Camiño Sur, que é unha das rutas máis pequenas e recentes.
Ao longo de todo este tempo foron moitas as deportistas que nos acompañaron e seguen a compartir connosco o programa. Canda Lara Balseiro, Tania Fernández, Adi Iglesias, Nuria Bouza e Saleta Fernández, quen xa puxeron a súa voz en distintas intervencións, tamén se unirán Alessandra Aguilar, Sara Álvarez e Hilda Rodríguez. Todas elas encherán o espazo de mocidade e sentimentos como o da igualdade, o respecto á diversidade funcional e, en definitiva, O Camiño como o que é: o eixe dunha sociedade mellor, máis plural e máis rica en valores.
Neste intre atopámonos nun pequeno repouso da viaxe e, subidos á “Torre da Homenaxe”, vixiamos dende ela o horizonte, á vez que debullamos novas formas de achegarlle á mocidade a mensaxe de igualdade coa que naceu “O Camiño que nos Une”.