Cunha embaixadora de luxo e nunha contorna única, a última das dinámicas de O Camiño que nos Une non podía deixar mellor sabor de boca: o alumnado do IES Val do Asma de Chantada, a nosa medallista paralímpica máis ilustre, Hilda Rodríguez, e unha das máis fermosas paisaxes que deixa o Camiño do Sur ao seu paso por Belesar eran unha garantía para poñerlle o broche de ouro ao noso programa.
Coa mochila chea de lembranzas e co Camiño andado, é momento de facer balance dun proxecto que comezou nun dos puntos máis altos da provincia: no Cebreiro fixemos a primeira das paradas dunha iniciativa que conseguiu reunir a máis de media ducia de deportistas exitosas, dunha variedade ampla de disciplinas, que exemplifican a boa saúde que está a vivir a práctica deportiva na nosa provincia.
Ao mesmo tempo, a acollida por parte dos distintos IES e CPIs foi inmellorable, o alumnado e mais o equipo docente dos oito centros educativos participantes puideron compartir unha experiencia distinta pero máis necesaria que nunca nos tempos que corren.
O noso proxecto consolida os piares do respecto á diversidade e, ao tempo, unha firme defensa da igualdade. Por iso, pasiño a pasiño, fómonos movendo por oito concellos da nosa provincia, cedéndolle o protagonismo a quen realmente o merecía: as deportistas e o alumnado. Esta iniciativa sempre estivo pensada para elas e eles, para tamén facelos reflexionar sobre a importancia do Camiño como motor sociocultural e económico nas distintas localidades conectadas grazas a el.
Atrás quedan moitas vivencias que, por mor da pandemia, tiveron que cinguirse só ao virtual. Con este último espello do Camiño do Sur ou de Inverno que atravesa Chantada, non podemos máis ca mirar atrás con satisfacción, polo conseguido e polo que aínda está por chegar!
E é que aínda nos quedan moitos camiños por recorrer: o da igualdade e o da inclusión son só dous deles. Cada pequeno paso e cada estereotipo rachado contan. O noso proxecto estará vivo mentres o alumnado sexa quen de poñer en práctica as distintas filosofías de vida que foron compartindo as oito deportistas participantes.