O PROXECTO

O CAMIÑO QUE NOS UNE

O Camiño Que Nos Une‘ é unha iniciativa promovida pola asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo, que foi seleccionada ao abeiro do programa ‘O Teu Xacobeo‘ impulsado dende a área de Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia. 

O seu obxectivo é pór en valor as rutas xacobeas na provincia de Lugo a partir de tres eixos fundamentais; o deporte, a igualdade e mais a mocidade

PARA QUEN É?

Dirixida ao alumnado de Secundaria e Bacharelato, a proposta convida á xuventude a reflexionar sobre a importancia, non só en termos culturais, senón tamén económicos e de xeración de emprego, que o Camiño de Santiago ten a nivel local. Nesa liña, anímase a este colectivo a participar do desenvolvemento local que o Camiño provoca nas súas vilas e, dun xeito específico, concienciala sobre as formas de diversidade, igualdade e inclusión social.

O proxecto vertébrase ao redor dunha serie de oito sesións formativas, que terán lugar en distintos puntos da xeografía lucense. Co obxectivo de dinamizalas, incorporaranse oito deportistas lucenses de renome, que permitirán integrar os valores do deporte (constancia, sacrificio, entrega) cos propios do Camiño. As persoas escollidas pertencen a unha ampla variedade de disciplinas, e co gallo de visibilizar o papel feminino no deporte, todas as seleccionadas son mulleres, contribuíndo así á creba dos estereotipos machistas, lacra das sociedades actuais.

 

 
COÑÉCENOS UN POUCO MÁIS

Somos unha iniciativa promovida pola asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo. O noso obxectivo é pór en valor as rutas de peregrinación en Lugo en base a tres eixos: deporte, igualdade e xuventude.

INFORMACIÓN DE CONTACTO
Email: lugocamino@gmail.com Teléfono: 638 295 225

facebook instagram linkedin