OS CAMIÑOS

 

ELIXE O TEU PROPIO CAMIÑO

Lugo é unha das provincias españolas con máis superficie atravesada polas distintas variantes do Camiño de Santiago. Máis de 800 quilómetros de rutas xacobeas permítenlle á provincia atesourar moitas historias e moitos recunchos por descubrir. Mar e montaña; paisaxes rurais e contornas urbanas…unha enorme amálgama de panorámicas coa que gozar e nas que mergullarse. 

Transitar polo corazón de dúas das reservas da Biosfera coas que conta a provincia, a de Terra do Miño e a do Río Eo, Oscos e Terras de  Bouro; contemplar praias tan emblemáticas como a de As Catedrais; gozar da maior concentración de construcións relixiosas de estilo románico de toda Europa na Ribeira Sacra, ou percorrer a única muralla romana completa do mundo, a de Lugo, está ao alcance de quen elixa unha das catro rutas oficiais que atravesan a provincia de Lugo: o Camiño Primitivo, o Camiño Norte, o Camiño Francés e o Camiño Sur/Inverno.

O Camiño Primitivo

É a peregrinación a Santiago de Compostela máis antiga. Foi a ruta que impulsou o rei asturiano Alfonso II no século IX, cando se descubriron os restos do Apóstolo na capital de Galicia. Dende entón, e durante toda a Baixa Idade Media, esta variante do Camiño foi perdendo pulos en favor de rutas máis grandes, como a francesa. O seu punto de partida é a cidade de Oviedo e, a diferenza do Camiño Norte que transita pola costa, este enlaza Asturias e Galicia polo interior. Ao seu paso os peregrinos achéganse a Lugo capital e arredores, como a vila de Castroverde.

A partir dos anos 2000 e coa declaración da muralla romana de Lugo como patrimonio da humanidade, o interese por redescubrir esta ruta esquecida fixo que, en tan só dez anos, o número de peregrinos se duplicase, pasando de representar un 3,6% do total (7.661) en 2010 a un 7% (15.575) no 2019, nunha tendencia claramente á alza que se viu interrompida pola pandemia.

O Camiño Norte

Vai dende a localidade francesa de Bayona até Santiago de Compostela. O seu trazado é costeiro e ben fose polas dificultades orográficas ou polo investimento que facían os reis leoneses e aragoneses para que os peregrinos transitasen polo seu territorio, o certo e que non gozou do recoñecemento merecido ata mediados do século XX, cando a recuperación da tradición xacobea impulsou ao mesmo tempo a posta en valor deste camiño, comezando a sinalizarse correctamente os diferentes tramos.

Na provincia de Lugo o Camiño divídese ao chegar a Ribadeo, pero vólvese a xuntar pouco despois, antes de Mondoñedo. Alí, o camiño segue atravesando Vilalba e cruza á provincia da Coruña, para chegar a cidade do apóstolo.

O Camiño Francés

É unha ruta xacobea que abrangue o norte peninsular. Dende Francia atravesa Aragón, Navarra, A Rioxa, Castela e León e cruza finalmente a Galicia a través do Cebreiro. Finalmente, en Melide (A Coruña) conflúe co Camiño Primitivo, procedente de San Salvador de Oviedo. Xa dende o século X existen peregrinacións que percorren as antigas vías romanas e que conforman O Camiño Francés, experimentando o seu máximo esplendor entre os séculos XI e XV, de maneira paralela o auxe das guerras de “fe”.

Foi a primeira das vías xacobeas en ser recoñecida pola UNESCO como ben de interese cultural, categoría á que se sumaron a finais do século XX o resto de camiños coñecidos. No ano 2019 máis da metade dos peregrinos, case 190.000, escolleron esta ruta, que comeza en San Jean Pied de Port (Francia) e remata en Santiago de Compostela. Unha das súas etapas ten punto de partida en Sarria (Lugo) que se converteu nos últimos anos na referencia xeográfica dos peregrinos, marcando o inicio para máis de 95.000 persoas.

O Camiño Sur / Inverno

Vía xacobea tradicionalmente secundaria, que conecta Ponferrada e Santiago, e que cruza polo sur da provincia de Lugo, pasando pola Ribeira Sacra, subindo por Monforte de Lemos e Chantada, para chegar logo á provincia da Coruña. Segundo se di, o seu nome débese a que foi o camiño empregado polos peregrinos durante o inverno, para evitaren as dificultades que implicaba o paso polo Cebreiro.

Malia ser unha das rutas máis pequenas e recentes (no ano 2010 foi recoñecida pola Xunta de Galicia como parte do Camiño) é unha alternativa con numerosos puntos de atención aos peregrinos.

Tes algunha dúbida?

Ponte en contacto connosco, estaremos encantados de axudarche.

COÑÉCENOS UN POUCO MÁIS

Somos unha iniciativa promovida pola asociación de Amigos do Camiño de Santiago da Provincia de Lugo. O noso obxectivo é pór en valor as rutas de peregrinación en Lugo en base a tres eixos: deporte, igualdade e xuventude.

INFORMACIÓN DE CONTACTO
Email: lugocamino@gmail.com Teléfono: 638 295 225

facebook instagram linkedin