É certo que esta Semana Santa é ben distinta ás anteriores, pero mantéñense intactas as motivacións que fan do Camiño unha experiencia que repiten cada ano milleiros de persoas. Moitas delas, amantes das rutas xacobeas, pregúntanse antes de emprender a viaxe cando é o momento idóneo de facela. Neste blog explicarémosvos por que a Semana Santa e o inicio da primavera son un dos mellores momentos do ano para dar o paso máis difícil, o inicial.

Primeiro, o clima. Os días son máis longos, temos máis tempo de luz e as temperaturas xélidas do inverno danlles paso a días húmidos e de temperaturas agradables, perfectas para a práctica deportiva. Ademais, a maioría das persoas que queren facerse coa Compostela escollen o amencer, polo que se queres gozar da viaxe, reparar na paisaxe e en definitiva facer o Camiño ao completo, esta é a mellor época.

Igualmente, é un luxo poder camiñar e escoitar ao teu paso o pío dos paxaros ou tamén o son da auga fresca que brota dos pequenos regatos. Ao mesmo tempo, podes descubrir espazos na natureza cheos do verde tan característico de Galicia e que pasan de estar agochados durante o inverno a florecer na primavera.

Outra das razóns é a gran riqueza cultural. Tradicionalmente as romarías, festas locais e celebracións que teñen lugar durante a Semana Santa son alicientes para aquelas persoas que, ademais de facer o Camiño, queren poder experimentar o feitizo da cultura local e gastronómica que temos en Galicia. É certo que tanto o ano pasado coma este a pandemia suspendeu todas esas celebracións, polo que o vindeiro 2022 volverán aínda con máis forza.

Así, unha das grandes vantaxes é poder gozar desta aventura coa tranquilidade que dá un menor volume de persoas compañeiras que outras datas máis concorridas, coma o verán. Ao mesmo tempo que camiñas poderás relaxarte sen a preocupación de pasear con moreas de persoas ao teu carón.

Por último, este momento é o primeiro da tempada no que podemos ter un respiro das nosas vidas, desconectar e aproveitar eses días libres. A bo seguro permitiranos coller folgos para afrontar o resto do ano do mellor xeito.

Así que xa sabes, se es galego é un plan perfecto para estes días. E se es de fóra da comunidade e a túa intención era vir agora, dirémosche que agardes un chisco máis. Ben sabes, o bo faise agardar.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *